8 jun. 2012

Do San Xoán os maiores contarán





Nesta ocasión foi iniciativa de Sergio traernos a dúas expertas da súa familia. Foi todo un luxo, nada menos que a bisavoa  materna  e a avoa (nai e filla). Nesta ocasión estiveron presentes as tres xeracións, xa que a nai de Sergio, Silvia, encargouse de traer ás ponentes.
 
Tanto a bisavoa Josefa (Pepa) coma a avoa Carmen teñen uns nomes moi significativos para nós, pois coinciden cos das nosas monecas “maiores”. Elas as dúas, persoas encantadoras, manifestáronse  de xeito moi  meloso e do máis  ameno. Cunha exposición ben clara contáronnos moi curiosas costumes referidas á celebración do San Xoán. Destas consérvanse algunhas, pero a maioría fóronse perdendo. Tamén nos amosaron algunhas herbas das que se empregan para deixar con auga, expostas ao resío, nesa noite máxica do pleno solsticio (herba de Sta. María, fiuncho, nogueira…). E, por suposto non faltou a tradición oral darredor da lumeirada, coma esta que recollemos:
 
Pola lumarada de san Xoán
que non me trabe cadela nin can.
E pola de San Pedro
que non me trabe cadela nin perro.
 
Como a avoa Carmen é moi boa cantareira agasallounos cunha grata animación do seu gran repertotio de cántigas populares.
 
Cando estábamos no mellor da xeira, por arte de maxia, preséntousenos de xeito impensado a amiga Rosario. Un trío perfecto. Tamén Rosario, coa súa acostumada sapiencia, falounos das súas vivencias e agasallounos con cántigas que aínda non coñeciamos. 
 
Foi unha sesión do máis entrañable e divertida. E estas dúas excelentes avoas tamén se suman ao noso marabilloso legado de persoas colaboradoras coa Escola de Vixoi. 
 
¡Cada día sentímonos máis afortunados!
 
 Moitos parabéns a elas e o noso agradecemento de todo corazón.


Vídeos da visita :

De Escola de Vixoi
De Vixoi 2012
De 15 de junio de 2012
De 15 de junio de 2012
De 15 de junio de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario