26 ago. 2012

COA NOSA VECIÑA LOURDES

Vinte plantas de San Xoán
grande ramo formarán.


Unha viva e fermosa lección sobre plantas foi a que nos aportou a nosa querida veciña Lourdes.





Tratándose dunha boa depositaria da cultura popular, Lourdes é unha admirable coñecedora de plantas, herbas medicinais e aromáticas… Nada menos que 20 variedades contiña o ramo que nos trouxo, pero aínda coñece moitas máis; todas elas co seu nome e propiedades.






Distinguilas coa vista e co olfato foi unha gozada. Houbo quen non daba apartado o nariz… pois hai arrecendos que cautivan. Aprender algún dos nomes e propiedades de algunhas plantas tamén resultou moi interesante. 




Abonda o entusiasmo e viveza con que Lourdes transmite para que a sensibilidade dos nenos/as esperte de maneira impensada. Dende a lección de Lourdes novas curiosidades e novas observacións botánicas chegan á clase cada día.




Pero esta visita de Lourdes non se limitou ás plantas; tamén nos transmitiu interesante información sobre as celebracións tradicionais do San Xoán. O mellor é que na súa familia conservan plenamente estas tradicións. Seguen celebrando o San Xoán como o vivíron coa súa nai e seu pai, aos que ela ten tan presentes coa meirande admiración.



Moitísimas grazas a Lourdes, a nosa veciña máis próxima, que, ademáis destas colaboracións extras está a todas horas pendente de nós.







No hay comentarios:

Publicar un comentario